Falece un mozo de 26 anos nun brutal accidente de tráfico en Marcón
Por Redacción
As estradas pontevedresas volvéronse a tinguir de loito. Un mozo de 26 anos de idade, veciño de Tourón (Ponte Caldelas), faleceu esta madrugada ao saírse da vía e caer por un desnivel o coche que conducía. Ocorreu na PO-532, que une Pontevedra con Ponte Caldelas, concretamente na zona da Barcia, a uns 500 metros da rotonda de Marcón.
Segundo informou o 112, a alerta polo accidente produciuse ás 23.57 horas do venres. O automóbil que conducía a vítima, Damián G.P., un turismo marca BMW 330, segundo as primeiras investigacións probablemente debido a unha velocidade inadecuada, caeuse por un desnivel duns tres metros de altura tras saírse a vía e arrincar o quitamedos de protección da calzada en sentido Ponte Caldelas.
O vehículo precipitouse ao baleiro ata que bateu contra unha vivenda, á que tamén ocasionou múltiples danos. Ao lugar desprazáronse un equipo do 061, a Garda Civil e os Bombeiros de Pontevedra. Cando chegaron os sanitarios, nada puideron facer por salvar a vida do mozo, quen faleceu como consecuencia dun forte golpe na cabeza.
Ao quedar o turismo semienvorcado tralo accidente, os Bombeiros de Pontevedra tiveron que rescatar o corpo da vítima do interior do automóbil, que quedara atrapado debido ao forte impacto.
Ademais no accidente resultaron feridas outras dúas persoas que viaxaban no turismo. Trátase de dous mozos da mesma idade do falecido. Ambos foron trasladados ao Hospital Domínguez de Pontevedra. Un deles atópase ingresado en estado grave.
No lugar do accidente vivíronse esceas tremendamente duras, especialmente trala chegada de familiares e amigos da vítima. Algún deles tivo que ser atendido incluso polos servizos sanitarios alí desprazados. En todo caso, PontevedraViva non publicará esas imaxes por respecto a todos eles.