Escaleiras para evitar que en Outeiro teñan que dar rodeos de 500 metros para ir á igrexa
Por Redacción
A Deputación leva a cabo a conexión da estrada provincial EP-9213 A Granxa-Dorrón e o lugar do Outeiro cunhas novas escaleiras. O deputado nacionalista Uxío Benítez, responsable destes traballos, sinalaba que o problema xerado ao eliminar o antigo camiño, suprimido con motivo do proxecto realizado polo anterior goberno provincial.
O deputado de Mobilidade explicou que a construción urxente das novas escaleiras metálicas, que se atoparán pegadas ao actual muro para salvar o desnivel resolve a demanda veciñal. Ata agora, os residentes nesta contorna víanse obrigados a dar un rodeo de 500 metros para achegarse ao colexio de Magaláns ou á igrexa.
Desde a Deputación solicitáronse varios orzamentos para a execución dos traballos. En función da contía incluirase dentro do proxecto de finalización da estrada, que inclúe o remate das beirarrúas, canalizacións, asfaltado do firme, pintado e instalación de novas luminarias. Tamén cabe a opción de contratarse a obra de forma independente.
A estrada A Granxa-Dorrón atópase en obras en dúas parcelas recentemente cedidas polo Concello de Sanxenxo. Atópanse executadas as escavacións e na próxima semana está previsto que se inicie a instalación do muro de contención. As beirarrúas acometeranse cando finalicen estes traballos.
A Deputación estuda tamén a posibilidade de construír a medio prazo unha nova estrada desde a EP-9213 de acceso ao Outeiro. Para esta obra será necesario un acordo co Concello de Sanxenxo, que deberá ceder as leiras necesarias para este proxecto.