Briallos prepara os fanchucos para a romaría de San Brais
Por Redacción
O vindeiro sábado día 3 de febreiro a parroquia de San Cristóbal de Briallos, situada no municipio pontevedrés de Portas, celebrará a súa tradicional romaría na honra a San Brais.
A xornada arrancará cunha gran tirada de lumes e posteriormente a bendición dos "fanchucos", uns pans que din ser moi miragreiros para curar os males da boca e a garganta. Estes pans teñen forma entrelazada e póñense a disposición dos fieis durante toda a xornada.
Tamén se bendirá o aceite que logo empregarán os fieis para unxir as súas gorxas ao finalizar cada acto relixioso.
Unha vez acabada a bendición do pan e o aceite oficiaranse misas rezadas ás 10 e 12 da mañá e xa en horario vespertino oficiarase outra misa rezada ás 6 e a misa solemne ás 7 cantada polo coro parroquial de Briallos e seguida de procesión de velas en honra de San Brais ata o lugar de A Bouza de San Brais. Durante a tarde e na procesión de velas actuará a banda de gaitas "Domingo Fontán" de Portas.
O domingo día 4 de febreiro oficiarase outra misa en honra a San Brais ás 10:30 da mañá finalizando así os actos deste ano.