A machetadas e pedradas por uns lindes
Por Redacción
Un dos asuntos que máis problemas xeran no rural galego, os lindes entre fincas, chegará o vindeiro martes 23 de xaneiro á Audiencia de Pontevedra. Xulgarase un home de 61 anos, veciño de Bueu, que está acusado de agredir cun machete e cunha pedra a un veciño co que mantiña unha disputa polos marcos.
A Fiscalía solicita para el seis anos de prisión por un delito de lesións, que se lle impida aproximarse a menos de 120 metros del durante oito anos e que indemnice á vítima con 22.300 euros polas lesións e as secuelas que lle produciu a agresión.
A vítima necesitou case cinco meses para recuperarse das feridas causadas e, entre as secuelas que presenta, sufriu perda na visión do seu ollo esquerdo.
O fiscal, no seu escrito de acusación, relata que a agresión se produciu a tarde do 1 de marzo de 2016 no lugar de Vilar-Outeiro.
O acusado agarrou un machete e achegouse por detrás á vítima e, tras golpearlle nun ombreiro, abalanzouse sobre el.
Para evitar ser agredido, a vítima forcexou co seu atacante e tratou que quitarlle o machete polo que, engade o fiscal, ambos caeron ao chan.
Foi entón cando, segundo o relato do agredido, o acusado púxose encima del, colleu unha pedra e golpeoulle repetidamente nas mans e na cabeza mentres dicía que "non pisarás máis a miña finca" e metíalle os dedos nos ollos.
Os berros de auxilio por parte da vítima alertaron a unha terceira persoa que se atopaba traballando nas proximidades do lugar e que, coa súa chegada, logrou deter o ataque.