Condenan un home por vender droga nun piso de Cambados e retiran a acusación contra a súa parella
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará coa súa conformidade un home que este martes recoñeceu ante o tribunal que vendía cocaína e cannabis no seu domicilio de Cambados e aceptou cumprir por este delito tres anos e medio de prisión.
No banco dos acusados sentou este home, Adolfo D.A., e quen no ano 2014 era a súa parella -agora non transcendeu se aínda manteñen unha relación-. O fiscal inicialmente formulaba acusación contra ambos os como autores dun delito contra a saúde pública e pedía que fosen condenados a catro anos de prisión, pero este martes, ante o tribunal, retirou a acusación contra ela e reduciu a condena solicitada para el.
En canto á muller, o fiscal modificou o seu escrito de acusación inicial porque nun principio consideraba que ambos se dedicaban xuntos a vender de forma habitual a droga nos domicilios que compartían, pero logo concluíu que "non consta suficientemente acreditado" que ela "tivese coñecemento" da actividade del a pesar de que convivían.
Unha vez que modificou a súa acusación, a muller deixou o banco dos acusados, pero o outro procesado seguiu e indicou que se conforma coa nova pena solicitada polo fiscal. No seu caso, aplicoulle unha circunstancia atenuante da responsabilidade criminal ao entender o representante do ministerio público que a súa actividade de venda de droga "tiña como finalidade sufragar o seu consumo", pois era "adicto e consumidor habitual" de substancias estupefacientes.
O procesado conformouse con tres anos e medio de prisión e o pago dunha multa de 15.000 euros, de modo que a Audiencia xa ditará sentenza condenatoria. Ningunha das partes recorreraa, así que se trata xa dunha resolución firme.
Ao xuízo asistiu un grupo de alumnos de cuarto de ESO do CPI do Toural de Vilaboa. O alumnado presenciou a breve vista que se celebrou na Audiencia e antes e despois da mesma mantiveron unha charla cos membros do tribunal da Sección Segunda e cos avogados e o fiscal deste xuízo.