Jacobo Moreira lima asperezas cos representantes da Garda Civil e da Policía Nacional
Por Anxo Lourido
Jacobo Moreira e os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular quixeron este martes amosar publicamente o seu apoio á equiparación salarial que reclama o colectivo Jusapol en nome dos integrantes da Garda Civil e da Policía Nacional.
Despois do balbordo que se formou nas redes sociais con duras críticas cara á agrupación política, o PP local convocaba nas últimas horas deste luns a representantes desta agrupación para explicar os motivos que levaron aos populares a absterse no pleno cando o PSOE presentou a moción reclamando a equiparación salarial. Moreira indicou que no pleno emprazara tanto o PSOE como a Ciudadanos a que "faciliten a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado" para que se poida facer efectiva esta medida. O portavoz popular indicou que tanto o PSOE e Ciudadanos se desmarcaron desta proposta popular.
Os populares tamén asinaron o apoio para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Precisamente desde Jusapol criticouse que, días atrás, os representantes do PP en Pontevedra negáronse a asinar esta iniciativa. Moreira explicaba que lle xurdían dúbidas cando lles ofreceron a posibilidade de estampar a súa rúbrica. Insistiu en que sempre apoiou o espírito da reivindicación para que policías nacionais e garda civís obteñan o mesmo soldo que os policías autonómicos. A diferenza salarial sitúase ao redor de 12.000 euros anuais, segundo explicaba o portavoz de Jusapol, Alejandro Gómez.
En Pontevedra recolleron 5.000 firmas e en toda España suman xa preto de 600.000 mil. O 20 de xaneiro acudirán a Barcelona para protagonizar unha " macromanifestación" porque queren deixar patente a "inxustiza salarial" que sofren. Gómez afirmaba que realizan exactamente as mesmas funcións que os membros das policías autonómicas e, con todo, cobran menos. "Sería ilegal en calquera empresa. Hai que acabar con isto xa", afirmaba o portavoz de Jusapol.
Os representantes do colectivo pediron a Jacobo Moreira, como parlamentario, que os populares apoien na cámara galega a moción que levará proximamente o PSOE para reclamar esta equiparación.
O ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, anunciaba este martes un gasto de 1.500 millóns de euros durante o próximos tres anos para equiparar os soldos de Policía e de Garda Civil cos Mossos d'Esquadra.