Medio Rural destinou 29.000 euros a Cuntis para o arranxo do Camiño de Loureiro de Abaixo
Por Redacción
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este luns unha obra subvencionada a través do Plan de Infraestruturas Rurais no concello pontevedrés de Cuntis.
Estes traballos consistiron na pavimentación do camiño en Loureiro de Abaixo e contaron cun orzamento total de 28.668 euros.
As obras centráronse na limpeza das marxes da vía e a reapertura das cunetas para conseguir unha adecuada drenaxe. Procedeuse tamén á súa pavimentación, coa formación dunha nova capa de rodadura.
Tanto o director xeral como o delegado territorial coincidiron en destacar que con esta actuación búscase mellorar a calidade de vida dos veciños, as comunicacións da zona e facilitar, ao tempo, a mobilidade das persoas e o transporte dos produtos agrarios, propiciando así a súa chegada aos diferentes mercados.