"Un material educativo de matrícula de honra"
Por Oskar Viéitez
"O Pacto pola Educación é posible que nunca chegue, entón teremos que ser as docentes que estamos a pé de canón quenes fagamos ese cambio". Así falou Teresa Domínguez, Premio Nacional de Educación á carreira docente non universitaria. Ela é a directora do colexio rural agrupado Mestra Clara Torres de Tui e profesora asociada da Universidade de Vigo.
Teresa acudiu este martes á Deputación de Pontevedra para presentar xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, os calendarios competencias elaborados polo seu colexio e que serán repartidos polos centros escolares de toda a provincia.
"É un material educativo de matrícula de honra", destacou Silva deste traballo que, como novidade, ademais do calendario para nenas de infantil, amplíase a iniciativa a etapa de primaria.
Nestes dous calendarios se recollen unha serie de actividades fixadas nas competencias educativas que deben contar os escolares, que establece a LOMCE (lingüísticas, matemáticas, ciencia, dixitais, sociais e cívicas, sentido da iniciativa e de expresión cultural, entre outras). Tamén se recollen outra serie de actividades para realizar en familia e recomendacións de lecturas e de cine para facer fora do horario lectivo.
Todo iso baixo a premisa de que a educación sexa unha tarefa compartida entre a escola e a familia recolléndose así as propostas de todas as actividades en base a igualdade de xénero.
Todas elas son "actividades que crean valores", entre outros, que as mulleres estean ben visibilizadas.
Carmela Silva apuntou que tamén considera "fundamental un pacto de estado pola educación" e dixo que este "ten que darse por arriba ou por abaixo pero ten que darse. A educación ten que volver a ser o dereito fundamental da cidadanía para construír outra sociedade diferente. Os cambios das estruturas sociais só se poden conseguir dende a escola".