A Consellería de Mar aporta axudas para a construción ou reforma de embarcacións
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Mar, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, destina 817.300 euros para a modernización e construción de embarcacións a particulares na comarca do Salnés.
Estas axudas, resoltas recentemente, teñen como fin "a realización de actuacións, de cara a fomentar unha acuicultura sustentable dende unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e a competitividade".
En total, a Consellería de Mar destinou para este fin 2,6 millóns de euros en toda Galicia.
Deste xeito, beneficiáronse destas subvencións para a construción de novas embarcacións ou reforma e mellora de embarcación auxiliares, catro persoas ou entidades en Cambados cunha axuda global de case 46.000 euros; outros catro no Grove con 85.000 euros; houbo oito beneficiados na Illa con un total de 372.000 euros e un en Meaño, con 4.550 euros; así como outro en Vilagarcía cunha cantidade similar e dous en Vilanova de Arousa con 297.000 euros.
En Bueu, Marín e Vilaboa foron 111.300 euros. Foron tres persoas ou entidades de Bueu cunha axuda global de case 52.250 euros; outros tres en Vilaboa con 37.300 euros; e en Marín, beneficiouse unha organización de produtores con case 60.000 euros.