A rapaza que denunciou que dez mozos abusaron dela, investigada por simulación de delito
Por Natalia Puga
A moza de 19 anos que días atrás denunciou que dez mozos sometérana a abusos sexuais á saída dunha discoteca está a ser agora investigada como autora dun delito de simulación de delito.
A Garda Civil de Pontevedra abriu unha investigación despois de que a moza presentase denuncia no cuartel de Cambados polo episodio de abusos, que refería que ocorrera na madrugada do 9 de decembro á saída dunha discoteca da Estrada. Tras realizar todas as indagacións necesarias, citaron á moza en calidade de investigada, a antiga figura da imputada.
Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que os investigadores citárana varias veces para tomarlle declaración e poder matizar con ela detalles e aclarar incongruencias, pois a historia que relatou incorría en contradicións. Finalmente, foi ela mesma a que chamou á Garda Civil para dicir que quería realizar unha nova declaración e, nese momento, na tarde deste martes, acabou recoñecendo que os feitos non foran verdade.
Fontes da investigación indicaron que á moza xa se lle notificou a súa condición de investigada e agora deberá prestar declaración no xulgado como presunta autora dun delito de simulación de delito. Segundo estas fontes, a moza inventouse o episodio do que asegura que fora vítima e tamén que había unha parella que o presenciou todo e que interveu, evitando que o episodio de abusos fose a máis.
A moza relatara no cuartel de Cambados que acudiu a unha festa en compañía dunhas amigas e, nun momento dado, perdeu de vista aos seus acompañantes. Tras buscalas polo interior do local, decidiu saír da discoteca e achegarse ao lugar onde aparcaran o seu coche. Antes de chegar ao coche, nunha zona apartada da discoteca, cruzouse cun grupo de dez mozos de entre 20 e 25 anos que a someteron aos citados abusos.
A moza chegou a relatar o suposto episodio de abusos con detalles e a indicar que a rodearon, burláronse dela e un tentou baixarlle o pantalón mentres ela forcexeaba. Engadiu que nese momento empezou a gritar e unha parella que saía da discoteca acudiu no seu auxilio. Esa parella nunca apareceu e a presunta vítima non achegou ningún dato deles á Garda Civil.
As forzas e corpos de seguridade lembran que a simulación de ser vítima dun delito é, en si mesma, unha infracción penal castigada polo Código Penal.