Unha rapaza de Vilagarcía denuncia que dez mozos abusaron dela na Estrada
Por Alejandro Espiño
A Garda Civil investiga o alarmante episodio de abusos sexuais que sufriu unha moza de 19 anos, veciña de Vilagarcía de Arousa. Denuncia que foi intimidada e atacada por un grupo de dez mozos á saída dunha festa celebrada nunha discoteca da Estrada.
A noticia, desvelada pola xornalista Rocío García en La Voz de Galicia, foi confirmada por PontevedraViva a través de fontes próximas á investigación.
Os feitos que se investigan ocorreron o pasado 9 de decembro, sobre as catro da madrugada, nas inmediacións dunha coñecida discoteca, situada nos arredores do centro urbano da Estrada.
A denuncia foi presentada días despois no cuartel da Garda Civil de Cambados.
A Garda Civil mantén aberta a investigación pero, polo momento, non se produciron detencións.
A moza, que acudiu a unha festa en compañía dunhas amigas, explica no seu relato que nun momento dado perdeu de vista ás súas acompañantes. Tras buscalas polo interior do local, decidiu saír da discoteca e achegarse ao lugar onde aparcaran o seu coche, no que se desprazaran ata A Estrada, por se a estaban esperando alí.
Antes de chegar ao coche, nunha zona apartada da discoteca, a moza cruzouse cun grupo de dez rapaces que, segundo explicou a vítima no cuartel, pola súa aparencia terían non máis de 25 anos.
Tras rodeala e burlarse dela, un dos presuntos agresores tentou baixarlle o pantalón e chegou mesmo a desabrocharle un dos botóns, producíndose un forcexo. A moza empezou a gritar e unha parella que saía da discoteca acudiu no seu auxilio. Ao ver chegar a estas dúas persoas, o grupo de amigos que a amedrentaba deuse á fuga.
Os investigadores, que xa acudiron ao lugar e entrevistáronse coas testemuñas, tratan agora de identificar os atacantes. Non será fácil, recoñecen, ao non achegarse unha descrición clara deles e non existir cámaras de seguridade na zona onde a moza, segundo a versión achegada ante a Garda Civil, foi acurralada.