A Deputación aproba o seu primeiro Plan de Igualdade, que elimina toda discriminación contra as mulleres
Por Natalia Puga
Este venres 15 de decembro foi "un día feliz e histórico" na Deputación Provincial de Pontevedra, que o lembrará como a xornada na que se aprobou o primeiro Plan de Igualdade da institución. Trátase dunha ferramenta que elimina toda discriminación contra as mulleres e que chega dez anos despois de que a Lei de Igualdade recolla a obriga deste tipo de plans nas administracións.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou a aprobación emocionada polo fito histórico, que considera "a medida máis importante dos dous anos que levamos no Goberno", pois permite facer xustiza con máis da metade da pobación e, en concreto, co 60% do persoal da institución, pois este Plan recolle que o cadro de persoal está integrado por un 60% de mulleres e un 40% de homes.
Carmela Silva atribúe o mérito deste documento á deputada de Igualdade e a xefa de servizos de IgualdadE da Deputación, Isaura Abelairas e Lucía Muradas, e destaca que se aprobou por unanimidade da Xunta de Goberno.
O Plan de Igualdade da Deputación é tamén pioneiro, pois é o primeiro dunha administración pública española elaborado en base a unha auditoría laboral de xénero, que contén unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, e tamén o primeiro que o primeiro que incorpora todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral e as recomendacións do Senado contra as violencias machistas.
"As cuestións abordadas no Pacto do Estado en materia laboral e contra as violencias machistas aínda non foron desenvolvidas e nós xa as estamos a promover, antes que ningunha outra administración, a través do noso Plan de Igualdade", destacou a responsable provincial.
A Deputación de Pontevedra pode presumir de ser unha administración referente en materia de igualdade e con este Plan de Igualdade dá un paso máis, pois cumpre coa lexislación galega e estatal e mesmo amplía o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul.
O documento, que terá unha vixencia de tres anos 2018-2020, inclúe o resultado do estudo realizado nos últimos meses na institución, que permite concluir que a representación de mulleres nos postos de toma de decisión da Deputación é maior que a media das entidades locais, pero que tamén ten aínda moito camiño por andar noutras materias, pois que existe unha maior representación sindical de homes.
Constátase neste estudo que aínda existen servizos masculinizados e non se estaban impartindo cursos formativos en materia de sensibilización en igualdade, pero tamén que a nivel político si se ten avanzado moito, pois o Pleno e a Xunta de Goberno están compostos por un 44% de mulleres e un 56% de homes.
Este plan e a súa aplicación permitirá eliminar toda discriminación contra as mulleres e tamén, segundo destaca Carmela Silva, seguir avanzando no desenvolvemento dun marco favorable de relacións laborais baseado na igualdade de oportunidades, a non discriminación e a tolerancia cero ante as situacións de violencia contra as mulleres.
O Plan ten por obxectivos, entre outros, promover o principio de igualdade garantindo as mesmas oportunidades profesionais; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, e especialmente as derivadas da maternidade, paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e condicións laborais; e eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal.