Marín recibe a distinción de Defensa pola súa "longa e fructífera" relación coa Armada
Por Redacción
María Dolores de Cospedal, ministra de Defensa, presidía na tarde deste mércores 13 a cerimonia de entrega dos Premios Armada 2017. O acto desenvolveuse na sala de buques do século XIX do Museo Naval do Cuartel Xeral da Armada en Madrid.
Foi un escenario perfecto para que o Concello de Marín recollese o obsequio e a distinción que o acreditan como institución que mantivo ao longo de 2017 unha especial relación de colaboración coa Armada española.
Este galardón débese ao "entusiasta apoio durante os preparativos e desenvolvemento dos actos conmemorativos do 300 aniversario da Real Compañía de Guardiamarinas".
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, foi en nome do goberno local marinense a encargada de recibir o distintivo. Durante a súa intervención agradeceu en nome de todos os premiados o galardón.
Os Premios Armada buscan achegar á sociedade os temas relacionados coa cultura naval e incentivar a investigación entre os seus propios membros. Desta forma entréganse premios aos mellores artigos sobre a Mariña, aos mariños que destacaron en competicións deportivas e obtiveron éxitos para a Armada ou as obras escritas, pinturas e de modelismo que estimulan na mocidade as vocacións relacionadas coa cultura naval.
No acto tamén recibiu un premio o presidente da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Ramón Touza Prieto, pola súa traxectoria singular na promoción da actividade física e o deporte na Armada Española ao longo da súa vida como marino, que mantén a día de hoxe malia estar xubilado desde hai anos como Capitán de Navío.
O acto concluía coa proxección dun vídeo sobre o traballo que desenvolve a Armada na loita contra as redes de tráfico ilegal de persoas no Mediterráneo para evitar os fluxos de migración irregular.