Unha fuga de gasoil obriga a intervir no colexio da Carballeira
Por Alejandro Espiño
Unha incidencia relacionada coa caldeira do colexio da Carballeira, en Lourizán, obrigou a activar un protocolo por parte do Concello de Pontevedra e a Consellería de Educación. Todo partiu dunha fuga de gasoil detectada o pasado martes.
Segundo informou o concelleiro Demetrio Gómez, a rápida intervención permitiu que o gasoil que se derramou, nunha cantidade "moi importante", non provocase un episodio de contaminación grave.
O colexio, aclaran desde o Concello, non estivo sen calefacción en ningún momento, xa que o centro conta cun depósito secundario. Hoxe xa funciona a caldeira con normalidade.
O gasoil que escapou do sistema de calefacción chegou ata o patio do colexio e parte del acabou coándose por unha arqueta de saneamento e estendéndose pola contorna.
Este feito, dixo Demetrio Gómez, levou ao Concello a tomar a decisión de aconsellar os veciños da contorna do colexio que non consuman auga dos seus pozos particulares, ata que cheguen os resultados das análises das augas, que estarán listos nuns dez días.
Un dos pozos destas vivendas, pegado ao centro, presentaba certo cheiro a hidrocarburos, polo que o Concello decidiu ampliar a análise ao resto de casas como medida de precaución.
Ata entón, todas estas persoas recibirán auga da traída sen custo algún para elas.
Ademais, Educación cambiará toda a area do patio do colexio para garantir a limpeza total da zona afectada. Estes traballos realizaranse nos próximos días e, mentres tanto, a zona infantil de xogos manterase pechada.