Dúas persoas, evacuadas por inhalación de fume tras incendiarse a súa vivenda en Vilagarcía
Por Redacción
A ambulancia de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa trasladou este xoves a dúas persoas ao Hospital do Salnés a causa do incendio rexistrado na súa vivenda.
Ambas as dúas foron evacuadas debido á inhalación de fume, despois de declararse un incendio no piso que ocupaban na rúa Vilaboa.
Varios particulares trasladaron a alerta ao servizo de atención ás emerxencias 112 Galicia ao redor das 21:50 horas da noite, dando este servizo aviso a Protección Civil, Bombeiros, Policía Local e Policía Nacional.
Os efectivos de emerxencia lograron sufocar o lume con rapidez, afectando a unha habitación que ardeu por completo pero conseguindo que non se propagase polo resto do piso nin tampouco polas vivendas lindeiras, aínda que o edificio tivo que ser desaloxado por precaución.
Os bombeiros abandonaron o lugar aproximadamente ás 23:45 horas tras controlar a situación e asegurar que xa non existía perigo.