Traballos desde o luns para repoñer os espazos que ían ocupar os composteiros en Monte Porreiro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra anunciou que acometerá, a partir do luns 20 de novembro, os traballos de recuperación e seguridade nos espazos previstos para os composteiros de Monte Porreiro.
Executarase así o acordo alcanzado coa asociación de veciños O Mirador para paralizar a implantación dos composteiros comunitarios no barrio mentres se busca un consenso sobre a súa localización, tras manifestar algúns veciños a súa discrepancia cos lugares escollidos para despregar os colectores de compost.
Operarios cubrirán as bases con area ou un manto vexetal, nuns casos. Noutros se colocará un bordo ou se botará formigón para acoutar o espazo e que non haxa accidentes antes de cubrilo.
Trátase dunha actuación de carácter temporal, á espera de coñecer as conclusións da comisión veciñal creada para avaliar as actuais localizacións e propoñer alternativas no caso de ser necesario.
Mentres isto sucede seguirán en funcionamento os composteiros que ata o de agora están habilitados en tres puntos distintos do barrio, e nos que compostan ao redor de 1.000 veciños.
Ademais o Concello asegura que continuará implantando o proxecto da compostaxe comunitaria noutros puntos do municipio.