"Tenemos el mejor sistema sanitario, pero no el más caro"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
A Sociedade Galega de Calidade Asistencial (SOGALCA) celebrou este xoves o seu VIII congreso na cidade de Pontevedra centrado na "Comunicación e Responsabilidade Asistencial", lema que pretende condensar dúas dos grandes cimentos sobre os que se sustenta a calidade e a seguridade dos pacientes.
Para abordar a enorme complexidade dun tema en permanente debate, planificaron a xornada empezando cunha conferencia inaugural que contextualizó os riscos e as oportunidades que suscitan os novos sistemas de información, e a súa utilización para a mellora da calidade, a seguridade e a saúde os pacientes.
Desde esta perspectiva macro fóronse despregando dous aspectos fundamentais e complementarios ao longo de dúas Mesas de Debate. A primeira dedicada á relación entre a transparencia e a calidade, isto é, un debate centrado na información sanitaria proporcionada aos cidadáns, as súas luces e as súas sombras.
A segunda mesa estivo centrada na comunicación nunha dobre perspectiva; a comunicación entre profesionais e pacientes, na súa vertente de dereitos e obrigacións, e a comunicación interprofesional, déficits e mecanismos de mellora.
Nas xornadas tamén participou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que puxo de manifesto que nunha sociedade que require un cada vez maior volume de recursos sanitarios "estamos obrigados a esforzarnos na procura da calidade e da excelencia en todos os ámbitos, desde a xestión ata a asistencia cotiá ".
Santalices subliñou que "temos o mellor sistema sanitario, pero non o máis caro", dixo. Lembrou, neste sentido Galicia destina o 6.8% do seu PIB (datos 2015) a gasto sanitario público consolidado. A media europea sitúase no 7,2% do PIB. Pola contra, Estados Unidos, cun gasto sanitario que representa o 17,6% da renda (datos 2012), "ten un modelo con moitos máis desequilibrios", asegurou Santalices.