"Un circuíto de footing de cinco quilómetros perfectamente sinalizado"
Por Redacción
Pendente tan só de que o tempo acompañe para acometer remates da obra, como o pintado da sinalización horizontal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de sostenibilidade dos espazos públicos, Luís Bará, visitaron este miércores os traballos case rematados de mellora da seguranza viaria, da accesibilidade na contorna da Ponte dos Tirantes.
O alcalde amosouse encantado co resultado da obra "coa que resolvemos tres problemas reforzando a seguranza viaria nunhas das zonas con máis accidentes da cidade, mesmo algún grave, elevando os pasos de peóns, mellorando as entradas e saídas da rotonda, a sinalización e a iluminación".
Tamén se mellora a accesibilidade facilitando o paso de persoas en cadeiras de rodas e con mobilidade reducida, e mellorando a mobilidade xeral dando preferencia a peóns, ciclistas e persoas que fan deporte neste ámbito.
O alcalde lembrou que este espazo entronca do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e co pantalán que emprega este centro "e créase un circuíto de carreira ou de footing duns 5 km que estará perfectamente sinalizado e que ten a garantía de que se atopa fora dos circuítos dos vehículos, polo que a seguridade vial é total".
Fernández Lores asegurou que esta actuación era necesaria nesta zona que cada vez ten máis uso por ser un ámbito de acceso ao campus, á zona escolar da Xunqueira, á zona deportiva da Xunqueira e tamén á Illa das Esculturas ou illa do Cobo.