Dúas alumnas do Valle Inclán, Premio Extraordinario da ESO polo seu rendemento académico
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico correspondentes ao curso 2016/17. Entre eles están Rosa do Carme Araújo Castelo e Ada Freire Vázquez, ambas do instituto Valle-Inclán.
Estes galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación destas alumnas que cursaron, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego.
Todos os premiados obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9.
Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes: unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre xeografía e historia, matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, economía, física e química e latín.
Cada premio está dotado cunha contía de 750 euros e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.