Outubro foi un mes "extremadamente cálido" en Pontevedra con temperaturas récord
Por Alejandro Espiño
Que o mes de outubro foi máis caloroso e seco do habitual era máis que unha evidencia. Pero agora, grazas aos datos de Meteogalicia, sabemos o alcance. Así, o servizo meteorolóxico acredita que foi outubro foi "extremadamente cálido" en Pontevedra, onde se alcanzaron temperaturas récord para esta época do ano.
O informe de Meteogalicia desvela que as temperaturas máximas foron, de media, as máis altas de toda a serie histórica, é dicir desde 1958. En Pontevedra situáronse en 24.2 graos, superando a media de 23.8 que se rexistrou hai 28 anos, en 1989.
Ademais, tamén se produciu o día de outubro máis caloroso desde que existen rexistros. Foi o 15 de outubro, o día da onda de incendios en Galicia, con 32.7 graos de máxima.
A temperatura media situouse en 18 graos, xa que as mínimas, aínda que máis elevadas do normal, situáronse en 11 graos de media, cos 6.6 graos do día 11 de outubro como a máis baixa de todo o mes.
Outubro foi en Pontevedra tamén un mes moi seco. As precipitacións foron, segundo Meteogalicia, "moi inferiores" ao esperado. Tan só choveu seis días e acumuláronse 56 litros de auga por metro cadrado.
As choivas producíronse entre os días 16 e 21 de outubro debido ao achegamento do furacán Ofelia á comunidade galega.