A Deputación esixirá "compromiso" aos concellos que pidan axudas para elaborar plans de mobilidade sustentable
Por Oskar Viéitez
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, deu conta este martes das futuras axudas provinciais para que os concellos elaboren plans de mobilidade sustentable no marco dunha xornada técnica celebrada na sede da Deputación.
O deputado nacionalista encadrou estas axudas na liña de asesoramento aos municipios para "concienciar" aos distintos responsables locais na "importancia de ter estes documentos estratéxicos" para que os concellos dispoñan dun plan de futuro "que lles permita saber onde queren chegar" e que en función disto poidan acceder a axudas europeas posto que a planificación estratéxica é unha das condicións que se esixen para a solicitude de fondos.
Neste sentido, "nas próximas semanas" a Deputación publicará unha liña de axudas cunha contía de 300.000 euros destinada a que os concellos elaboren estes plans. Para iso terán que cumprir dous requisitos fundamentais, a cofinanciación dun mínimo do 25% e a aprobación plenaria dese Plan de Mobilidade Sustentable.
A falta de que se elaboren as bases desta liña de axudas, Uxío Benítez explicou que estas dúas condicións pretenden restrinxir a convocatoria para que só se presenten aqueles concellos que queiran deseñar o seu plan de mobilidade "en serio" xa que "non imos financiar plans para que queden nun caixón e non se executen".
"Por tanto, compromiso de cofinanciar e compromiso de que haxa unha maioría da corporación disposta a executar nun futuro ese plan", resumiu o deputado.
Relacionadas:
-
A demanda de plans de mobilidade por parte dos concellos supera as previsións da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación "exportará" a súa nova guía de mobilidade sustentable
Por Redacción |
-
Cinco empresas externas redactarán proxectos de mobilidade para a Deputación
Por Redacción |
-
Axudas de entre 9.000 e 40.000 euros para redactar plans de mobilidade sustentable nos concellos
Por Redacción |