Esdemga busca modelos para o seu próximo Debut, o 23 de novembro no Pazo da Cultura
Por Redacción
A pasarela Debut que organiza desde hai once anos a Escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) regresa este outono e, para poder realizala con éxito, comezou unha campaña para buscar modelos.
Esdemga abriu a inscrición para as persoas que queiran colaborar como modelos nesta pasarela, que este ano se celebrará o 23 sde novembro no Pazo da Cultura. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa dirección de titulación no correo info.esdemga@uvigo.es e achegarse polo despacho de Esdemga na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para participar non é precisa experiencia no mundo da moda.
A directora de Esdemga, Lola Dopico, sinalou que ata finais deste mes non se saberá cantos modelos necesitan, pois nesa data o alumnado defenderá ante un tribunal interno os seus proxectos de fin de estudos e saberanse as necesidades específicas. En todo caso, non serán menos de 60.
Dopico explicou como é o proceso de selección. As persoas interesadas poden escribir e péchase un momento para tomarlles as medidas, facerlles unha foto e abrir unha ficha cos seus datos. Unha vez definidas as coleccións participantes, culminará o proceso coa selección dunha serie de grupos de modelos en función das necesidades de cada colección,
A pasarela Debut 2017 será a última na que se amosarán os traballos realizados nos tres cursos da escola dada á implantación no presente curso do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. O curso pasado foi o último no que houbo primeiro curso, polo que a partir do ano que vén haberá que incorporar os resultados do alumnado do primeiro ano de máster.
Debut busca facer de ponte entre os ámbitos académicos e profesional e xa é habitual que, despois da súa celebración, o alumnado leve os seus proxectos a certames nacionais e internacionais. Ademais, a través de Esdemga, a Universidade de Vigo foi o pasado mes de xuño unha das 32 institución académicas de Europa, Asia e América convidadas a participar na pasarela internacional da Graduate Fashion Week de Londres.
Relacionadas:
-
A colección "Weekend lovers" do deseñador José Cortizo triunfa en Debut 2017
Por Mónica Patxot |
-
Da Esdemga ao máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda
Por Redacción |
-
Esdemga participou no desfile internacional da Graduate Fashion Week de Londres
Por Redacción |
-
A Esdemga, convidada en Londres á Graduate Fashion Week
Por Oskar Viéitez |
-
Dez anos amosando o futuro da moda galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |