200.000 euros para reformar a nave municipal de Campañó
Por Redacción
O goberno local a través da Xunta de Goberno aprobaba este luns o proceso de contratación de melloras na nave municipal de Campañó por unha cifra que ascende a 232.663 euros. Estas instalacións precisan dunha intervención debido a que quedaron obsoletas.
Substituirase a cuberta, crearanse novos vestiarios de mulleres, reformarase tamén a entreplanta cunha redistribución dos espazos e pintarase a nave.
A substitución da cuberta, que está formada por placas de fibrocemento, ten un custo por encima dos 65.000 euros. O desmonte e a retirada de residuos está afectada polo posible risco de presenza de amianto na cuberta de uralita.
Redistribuirase a entreplanta cun orzamento de 43.000 euros para crear espazos de almacén ordenados para facilitar o acceso ao material e o traballo do persoal das brigadas municipais. Baixo esta entreplanta, situarase o aparcadoiro.
Esta nave é a base para 30 traballadores que forman parte de catro brigadas. Neste espazo atópase a sinalización viaria, obras e mantemento, electricidade, ademais de parques e xardíns.