Un home sofre queimaduras tras tentar incendiar unha cuadra con gasolina para acabar cunha praga de pulgas
Por Redacción
Un home tivo que ser trasladado nun helicóptero a un centro hospitalario despois de xerar unha deflagración nunha cuadra da súa propiedade para tratar de exterminar unha praga de pulgas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o home queimouse tras tentar incendiar a construción utilizando gasolina.
Os feitos ocorreron en Caldas de Reis, no lugar da Gándara, na parroquia de Saiar.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta do persoal do Punto de Atención Continuada de Caldas ás 18:50 horas do martes. Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso aos Bombeiros do Salnés, ao GES de Valga, a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.
Unha vez no lugar, a Policía Local confirmou que a cuadra non se viu afectada, polo que a actuación dos medios foi anulada.