A Lama presume da súa taxa de empregabilidade feminina
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, destacou que o seu concello é un dos que máis mulleres empregan nos seus plans de ocupación e promoción laboral de toda a comarca. A taxa de empregabilidade na Lama supera o 61,5% da oferta total en postos moi diversos dentro do capítulo de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Canda Martínez manifestou que "nos plans que se poñen en marcha a través das axudas da Xunta e Deputación vixiamos sempre pola igualdade de oportunidades e apostamos pola incorporación da muller a todos e cada un dos postos ofertados sin que se produza ningún tipo de discriminación senón todo o contrario".
Jorge Canda agradeceu o apoio de administracións como a Xunta ou a Deputación a través dos plans de emprego que permiten que moitas persoas, sobre todo con obrigacións familiares e en situación de desemprego de longa duración poidan ter unha oportunidade para traballar e, mesmo en moitos casos, reciclarse desde o punto de vista laboral.
"A nosa preocupación polo desemprego feminino vai máis alá destes plans de contratación municipal posto que procuramos que as empresas que se instalan no polígono industrial de Racelo, de titularidade municipal, teñan en conta proxectos de empregabilidade para as mulleres como xeito non só de fixar poboación no noso concello senón tamén de dar unha saída laboral satisfactoria a moitas familias", manifestou o alcalde da Lama.