O Grove súmase ás iniciativas do Camiño Escolar Seguro
Por Redacción
A Semana Europea da Mobilidade que se está a celebrar no Concello de O Grove serviu tamén para inaugurar un novo servizo no municipio, similar ao que xa está a funcionar en localidades como Pontevedra, o Camiño Escolar Seguro do colexio Rosalía de Castro.
Segundo informou o Concello, trátase dun proxecto que leva preparándose moitos meses e que supón a primeira iniciativa deste tipo no Grove.
O obxectivo é crear unha rede de itinerarios seguros e cambiar hábitos de desprazamento camiñando ou en bicicleta. Deste xeito conseguiríase reducir o número de vehículos que trasladan os nenos ao colexio, reducindo as emisións contaminantes e o ruído e desconxestionando esa zona do Grove en horas concretas.
Este camiño promove a mobilidade activa e polo tanto desenvolve hábitos saudables nos rapaces ao tempo que fomenta a súa autonomía, conseguindo un dos obxectivos prioritarios do goberno local: recuperar a rúa para a cidadanía.
Alumnado e familias déronse cita ás 8.30 horas deste venres diante do Concello para percorrer xuntos por primeira vez o Camiño Escolar Seguro, acompañados por representantes municipais, do colexio e da Xefatura de Tráfico de Pontevedra.
A axente da Policía Local de seguridade viaria foi a encargada de lembrar aos escolares as instrucións básicas de seguridade para facer o percorrido.