Marea Pontevedra reclama que se garanta a hixiene e a seguridade nos antigos terreos de Tafisa
Por Redacción
O grupo municipal de Marea Pontevedra reclama o cumprimento do acordo plenario para garantir a hixiene e a seguridade nos antigos terreos de Tafisa.
O pleno de Pontevedra aprobou, en abril de 2016, a proposta de Marea Pontevedra para garantir condicións topográficas seguras e de salubridade nos terreos en estado de abandono que representan un perigo para as persoas. "Porén, aínda non se fixo absolutamente nada na materia e o problema é cada vez maior", denunciou este venres Marea.
Esta formación sinala que os solares urbanos dos terreos ocupados antigamente por Tafisa atópanse na maior parte dos casos en "estado de abandono" e manifestan "diversas deficiencias e posibles riscos".
A superficie total desta área e de 112.000 metros cadrados. Excluídos os 17.500 metros reservados para a Universidade e a parte de zonas verdes e de viais (case 60.000 metros máis) en estado aceptable, "hai unha cantas parcelas sobre as que sería conveniente actuar", di esta formación política.
Marea Pontevedra denunciou no seu día problemas como a proliferación de vexetación, desniveis, acumulación de entullo de obras e presenza de animais domésticos abandonados. "Ano e medio máis tarde o problema non fixo máis que aumentar" e a estes problemas engadiuselle agora a aparición de coches en ruinas que quedan abandoados nos aparcamentos da zona.