A Xunta contratará 21 orientadores laborais en 20 concellos da provincia
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Economía, Emprego e Industria contratará 21 orientadores laborais nos 20 concellos beneficiarios da provincia de Pontevedra cunha axuda global de 503.277 euros.
En concreto destinará 61.418 euros á contratación de catro orientadores laborais nos concellos da Lama, Marín e Poio e 100.000 euros á contratación de catro orientadores laborais en concellos da comarca do Salnés, en concreto, en Cambados, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e O Grove. Outros 47.000 euros na comarca de Caldas, en concreto, en Valga e Cuntis.
Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas.
Os técnicos encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos, deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego, contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.