Piden 9 anos de cadea a un gorrilla que acoitelou o seu irmán en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes, día 26 de setembro, o xuízo contra un gorrilla acusado de tentar acabar coa vida do seu irmán asestándolle unha puñalada cun coitelo tras unha discusión no aparcadoiro da praza de abastos de Vilagarcía de Arousa.
O ministerio público pide que sexa condenado a nove anos de prisión e que o indemnice polas secuelas.
O escrito de acusación da Fiscalía relata que o día 14 de xullo de 2016 sobre as dez da mañá, o procesado Juan S.P. atopábase co seu irmán José Ramón no aparcadoiro da Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, cando tras iniciarse unha discusión entre ambos, "actuando con desprezo á vida do seu irmán, e co propósito de acabar coa mesma", asestoulle unha puñalada na zona do pescozo e cara cun coitelo de aproximadamente 10 centímetro de folla, fuxindo Juan S.P. do lugar, pedindo auxilio na comisaría de policía próxima ao lugar en que se atopaba.
O acusado presentaba unha síndrome de dependencia de drogas de abuso, sen que conste á Fiscalía que no momento dos feitos narrados afectase as súas facultades cognitivas nin volitivas.
O Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia foi o servizo que realizou a valoración e asistencia da lesionada, xerándose uns gastos que ascenderon a 5.100,93 euros.
O procesado atópase privado de liberdade por esta causa desde o 15 de xullo de 2016 no que se acordou a prisión provisional
Os feitos son constitutivos dun delito de homicidio en grao de tentativa previsto concorrendo a agravante de parentesco polo que o representante do ministerio público pide ao tribunal que lle impoña a Juan, ademais das costas, a pena de 9 anos de prisión e que indemnice á súa vícitma polas lesións sufridas na cantidade de 1.075 euros, na cantidade 10.000 euros polas secuelas restantes; e ao Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia na cantidade de 5.100,93 euros polos gastos xerados polas asistencias sanitarias prestadas ao seu irmán.