Ponte Caldelas celebra os 102 anos de Elvira Vázquez, unha "muller brava do país"
Por Redacción
Elvira Fernández Martínez é unha loitadora. Unha muller brava, nacida nunha Galicia rural apenas entrada no século XX e que sacou soa tres fillos adiante a base de traballar moi duro no campo, sobrepoñéndose sempre ás dificultades dunha vida que nada tivo de fácil.
A centenaria da Reigosa, como é coñecida, naceu en Baltar, na parroquia de Xustáns, un 17 de setembro de 1915. A totalidade da familia (agás un fillo emigrado no Brasil) xuntouse para celebrar un aniversario moi especial. Á celebración asistiron tamén o alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro José Manuel Martínez, en representación do goberno local tripartito (PSdeG- PSOE, AVP e BNG), agasallándoa cunha torta de aniversario e un ramo de flores.
Elvira ten tres fillos, seis netos e un bisneto e reside cunha das súas fillas, que lle proporciona todos os coidados que precisa. Aínda que, como ela mesma explica, son poucos porque se vale case por si mesma. A súa cabeza funciona á perfección, fala con soltura e móvese sen axudas. Tan só vai un pouco curta de ouvido.
Na súa familia están moi orgullosos de que esta nai solteira, que soubo saír adiante nunha época na que a sociedade era ben distinta á de hoxe, teña chegado en tan magníficas condicións a unha idade récord. Hoxe recolle os froitos en forma de atencións dos seus.
A súa filla explica que todos na familia son "de boa raza" pois escasean os problemas de saúde e os fillos tamén van tamén cumprindo anos, pois o maior xa alcanzou os 80. "A miña nai traballou moi duro toda a súa vida, case non tiña fincas, e esforzouse ao máximo para que hoxe esteamos todos aquí", recalcou. "E ogallá nos dure moitos anos máis", conclúe.