A Xunta privatizará por 30 anos o camping de Ons que pasará a ser de pago
Por Oskar Viéitez
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o anuncio do concurso público para adxudicar a unha empresa o camping da illa de Ons, que pasará a ser de pago. A Consellería de Medio Ambiente pretende privatizar este servizo por vía de urxencia.
A cambio dunha concesión de 30 anos o adxudicatario da xestión do camping terá que asumir tamén a remodelación de toda a zona que está presupostado en 610.300 euros. As instalacións do lugar de Chan da Pólvora ocupan unha superficie de 8.717 metros cadrados.
Debido a que estas obras teñen un prazo estimado de execución de oito meses resultará imposible que este verán estean rematadas. O acondicionamento das instalacións posibilitarán ampliar en 76 prazas máis as 200 existentes, que pasarán a ser de pago unha vez que Medio Ambiente aprobe as tarifas.
A Xunta rebaixa a categoría ao camping de Cíes por non ter aparcadoiro
Tradicionalmente, na illa de Ons tolerábase a acampada libre ao non existir outro lugar que permitise a pernocta dos visitantes, fóra diso algunhas casas. Desde a creación do Parque Nacional en 2002, esta actividade realízase de xeito regulado polo órgano xestor do Parque, pero sen que teña lugar nun campamento de turismo.
Mentres tanto o borrador dun novo decreto da Xunta clasifica ao camping das illas Cíes ao situalo coa máis baixa de todas por mor da falta de aparcadoiro. Desde a Secretaría Xeral de Turismo aclaran que "de momento é só un borrador" polo que abre a porta a modificacións antes da súa entrada en vigor.