Tomeza mellorará a imaxe de varios puntos de lecer da parroquia
Por Redacción
Ao longo de 2018, Tomeza verá transformada a imaxe de varios puntos de lecer desta parroquia pontevedresa. O concelleiro Alberto Oubiña explicou este mércores que o Concello ten previsto levar a cabo catro actuacións, unha delas aínda pendente da negociación coa comunidade de montes para que ceda un espazo da súa propiedade.
As outras tres intervencións acometeranse en Casal do Río, Lusquiños e na contorna da Igrexa de San Pedro.
O proxecto estará financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e atópase pendente da cuantificación económica final. A previsión é que supere os 260.000 euros.
En Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas de Alcouce coa creación dun gran espazo polideportivo con porterías de fútbol e canchas de baloncesto. Na zona arborizada reformarase o merendero coa instalación de mesas. Ademais encherase con area o parque infantil e renovarase o valo do perímetro do mesmo xeito que se mellorará o estacionamento e a parada de autobús. Tamén se creará un punto de auga.
CENTRO CULTURAL DE LUSQUIÑOS
En Lusquiños está prevista a mellora da entrada ao centro cultural da parroquia. Realizarase un banco corrido e tamén se construirá unha rampla para o acceso de persoas con discapacidade. Instalarase unha churrasquera e mellorarase o espazo infantil.
CONTORNA DA IGREXA DE SAN PEDRO
O concelleiro Alberto Oubiña explicou que nos arredores da igrexa de San Pedro habilitaranse máis de 50 prazas de estacionamento tanto de turismos como de motocicletas. Ademais doutras intervencións para unir peatonalmente diferentes zonas desa contorna, crearase un miradoiro na parte alta da parcela desde a que se terá unha vista xeral da parroquia.