"Pisando forte" chega con once novos cursos de formación para a mocidade pontevedresa
Por Oskar Viéitez
Chega unha nova entrega dos cursos de formación "Pisando forte" dirixido á mocidade de entre 16 a 35 anos de idade. Segundo explicou o concelleiro Alberto Oubiña, terán preferencia os empadroados en Pontevedra pero aqueles interesados de fóra do municipio quedarán apuntados nunha lista de agarda e poderán acceder ao curso no caso de sobrar prazas.
O período de preinscrición (en liña xuventude.pontevedra.eu ou presencial en horario de 9 a 14 horas na Casa da Luz) comeza o 5 de setembro e pecharase uns días antes da data de inicio de cada curso.
Entre as características principais de "Pisando forte", Oubiña salientou que son cursos de formación gratuitos, impartidos en lingua galega, cunha perspectiva "ecoloxista, feminista e tamén buscando o emprego digno" e ademáis, ao seu remate os participantes, de superaren a avaliación, terán un diploma acreditativo polo aproveitamento da formación recibida.
Os cursos que se ofertan este ano son:
- CURSO DE LINGUA DE SIGNOS (Certificado A1)
- MANIPULACIÓN DE ALIMENTOS E NORMATIVA UE DE ALERXIAS E INTOLERANCIAS
- Aprende a facer un CURRÍCULO CREATIVO
- Curso ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA: DNIe, factura electrónica, trámites, xestión de documentos…
- Curso de EDUCACIÓN AMBIENTAL E COMPOSTAXE
- CURSO DE AGROECOLOXÍA
- COACHING E EMPREGABILIDADE
- OBRADOIRO DE INTELIXENCIA EMOCIONAL
- ESCOLA MUNICIPAL DE IGUALDADE PARA A MOCIDADE
- CURSO DE XÉNERO E EMPODERAMENTO para todas e todos
- Fagamos visible o invisible: COÑEZAMOS A REALIDADE DAS FAMILIAS LGBTI
- II Xornada da ESCOLA MUNICIPAL DE IGUALDADE PARA A MOCIDADE “Deporte, Igualdade e Mocidade”
O concello destina a esta iniciativa uns 18.000 euros, para 139 prazas máis as 235 que achega a escola municipal de igualdade.