Rematan o pintado de varias estradas provinciais en Portas e Cuntis
Por Redacción
A Deputación finalizou o pintado de varias estradas nos concellos de Portas e Cuntis durante a última semana, completando practicamente a totalidade das vías de titularidade provincial na comarca de Caldas.
Segundo informa a institución provincial, só quedan pendentes as do Concello de Campo Lameiro, que se acometerán nas próximas semanas e a rúa do Parque en Caldas de Reis na que xa se está actuando.
En Cuntis realizouse o remarcado das estradas provinciais EP-8403 entre Cuntis-Alto da Cruz, cunha lonxitude de máis de 4 quilómetros; na EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e na EP-8405 entre Portela-Couselo. No concello de Portas, os traballos de reseñalización acometéronse na estrada entre Briallos e Portas do Conde.
Estes traballos foron contratados polo departamento de Mobilidade da Deputación coa idea de fomentar a seguridade viaria. Están a pintarse vías con liñas lonxitudinais, aparcadoiros, illotes e pasos de peóns que nunca tiveran marcas viarias e ademais estase a renovar o pintado das que se quedaron desgastadas.