Cerdedo-Cotobade liquida a súa última póliza de crédito e presume de débeda cero
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou a liquidación da que era a súa última pólica de crédito, o que supón incorporarse ao grupo de municipios con débeda cero.
Así o asegurou o presidente da xunta xestora, Jorge Cubela, que cifrou en 16 o número de concellos nesta situación dos 61 da provincia de Pontevedra.
Para Cubela a saúde económica de Cerdedo-Cotobade é "inmellorable" ao carecer de débedas e manexar un orzamento de case 5 millóns de euros, polo que espera pechar o ano con preto de 300.000 euros de superávit.
As contas do Concello iniciaron o presente exercicio fiscal cun pasivo de 160.000 euros derivado dunha póliza de crédito subscrita por Cerdedo. A póliza vencía o pasado 30 de xuño pero foi liquidada con fondos propios de Cerdedo procedentes de ingresos de transferencias e subvencións pendentes de 2016.
A boa situación de tesourería permitirá, segundo Jorge Cubela, "destinar aínda máis cartos aos servizos públicos e a moitas accións que aumenten a calidade de vida dos veciños", sinalou.