VÍDEO.- Rulo vai... por Cuntis adiante
Por Redacción
A imaxe era inédita en Cuntis e, á vista da cantidade de persoas que acudiron a presenciala, foi a primeira, pero non a última. Trátase da I Carreira de Rulos de Herba Seca, unha proba lúdico-deportiva que este martes animou as festas patronais con 24 equipos participantes e decenas de espectadores polas rúas.
A iniciativa parte da Escuadra Cuntis Vila Termal e do Concello co obxectivo de potenciar o mundo rural e reuniu a participantes chegados de todo o municipio, pero tamén dos veciños de Caldas, A Estrada ou Moraña e doutros puntos da provincia.
Cada equipo estivo composto por tres persoas -todos maiores de idade- que foron rotando de dúas en dúas para levar o rolo por todo o percorrido. Todos ían, por esixencias da organización, con katiuskas, pantalón curto e chapeu de palla, dándolle máis vistosidade á carreira, xa de seu espectacular e con grandes doses de diversión.