Marín termina o proxecto de reforma das pistas de atletismo e avanza nun convenio para financialo
Por Redacción
A Xunta de Goberno local de Marín aprobou na súa última reunión o proxecto para a reforma das pistas de atletismo do estadio municipal de San Pedro, unha actuación que aínda non ten financiamento, pero da que o Concello anunciou este sábado que traballa para conseguir a firma dun convenio coa Xunta de Galicia. Está "moi avanzado", segundo fontes municipais.
As pistas de atletismo están na actualidade esnaquizadas, en moi mal estado de conservación e teñen o pavimento parcialmente levantado. O proxecto busca acabar con esa situación de abandono e tamén modificar as súas medidas para que poidan ser homologadas.
Os traballos foron encargados e están xa entregados para que o Concello inicie a súa tramitación. Entre eles destaca cambiar o pavimento deportivo e a execución dunha zona de adestramento para porteiros. En total, o prezo da obra está orzado en 374.733,10 euros e teñen un prazo de execución de tres meses.
Na pista de atletismo existente se replanteará o trazado para adaptalo ás esixencias da federación, fixando os radios de curvatura marcados pola federación de atletismo. Terá seis cales de 400 metros de corda e o novo trazado deixará unha marxe de polo menos un metro con calquera obstáculo. Completarase cunha recta de seis cales con 110 metros de lonxitude xunto á bancada, qeu contará cun espazo para a saída e outro para a freada tras a liña de meta.
Ademais, reformularase a posición da pista de salto de lonxitude e triplo salto expondo un novo foso colector de area de maneira que deixe unha marxe polo menos dun metro con respecto do resto de pistas e obstáculos. Tamén se retirarán os bancos de fútbol que actualmente se sitúan no medio da pista de salto de lonxitude e recolocaranse fóra do ámbito da nova pista de salto de lonxitude.
O salto de altura e o salto de pértega situaranse na media lúa norte e contarán cunha pavimento continuo de nova planta. O trazado da carreira de ambos se solapará deixando o espazo para os colchóns libres, incluíndo un espazo perimetral dun metro como marxe de seguridade. O salto de pértega contará para cunha pista de 45 metros de lonxitude e contará cun cajetín no chan para encaixar a pértega. O salto de altura contará con ámbito de 16 metros de lado e 25 de fondo libre de obstáculos.