Denuncian que unha veciña de Leborei bloquea o acceso a unha fonte pública
Por Anxo Lourido
Os veciños de Leborei, un lugar da parroquia de Cerponzóns, levan varios meses en tensión ante a oposición dunha residente na zona a que outros veciños accedan á coñecida como Fonte de Atrás.
A asociación de veciños O Chedeiro sinala que tanto esta fonte como o camiño de acceso son de titularidade pública e, con todo, a muller obstaculiza con pedras, troncos, restos de árbores e todo o que atopa ao seu paso a vía que leva ata o manancial. Esta decisión tamén prexudica a propietarios de leiras próximas que precisan percorrer por ese lugar de paso.
Os afectados denuncian que a muller ameazou a veciños, golpeado a menores e insultado a todo o que tenta acceder á fonte. Os veciños requiriron en varias ocasións a presenza da Policía Local e mesmo tivo que acudir a Garda Civil para tentar acougar a tensa situación. Pero os residentes na zona alertan de que, calquera día, pode chegar a producirse un incidente grave.
Desde O Chedeiro indican que levan tempo alertando aos concelleiros responsables do rural para que resolva este conflito. O Concello, segundo a asociación, gañou os litixios que mantiña con esta muller, de forma que está acreditada con sentenzas a titularidade pública da Fonte de Atrás.
Piden que se instale un letreiro que indique que a fonte e o camiño son públicos e que se arromben para ofrecer o servizo adecuado para os veciños deste lugar da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. Reclaman unha limpeza deste espazo porque a veciña deixou crecer silvas que dificultan o acceso a calquera que queira achegarse a esta zona.
Pola súa parte, a muller, en declaracións á TVG, di que a fonte antigamente estaba situada noutro punto e que o camiño lle pertence. Ademais apunta a que fixeron obras no manancial que lle impiden regar os seus terreos.