Os antitouradas ven "bastante preto" o final dos touros en Galicia e sairán á rúa a pedilo
Por Alejandro Espiño
Unha nova manifestación volverá percorrer as principais rúas de Pontevedra para esixir a abolición das corridas de touros e o final dunha tradición que, lembran, "non é máis que un maltrato animais". Sairá o sábado 12 de agosto, a partir das 20.00 horas, da praza da Peregrina, segundo informou este xoves a plataforma Touradas Fóra de Pontevedra.
O seu portavoz, Borja González, sinalou que a feira taurina de Pontevedra "é a última que se celebra en Galicia" e considera que cada ano "ten menos apoios". Por iso, a plataforma espera que esta mobilización reflicta que o movemento antitouradas "vai aumentando" entre colectivos sociais e a propia cidadanía.
Na actualidade, dixo, o 85% dos galegos "rexeitan as touradas".
Ademais da propia manifestación, Touradas Fóra de Pontevedra preparou unha serie de actividades previas "para ir creando ambiente", segundo Borja González.
Así, celebrarase unha asemblea aberta no Bar O Diaño o próximo 20 de xullo e programaranse diferentes actividades na rúa como photocalls ou pegadas de carteis e pancartas.
Pola súa banda, Vicky Estévez criticou que a Xunta de Galicia optase por "deixar fóra" ás corridas de touros do proxecto de lei que substituirá á actual normativa galega de protección animal, a pesar de que nestes espectáculos "existe un maltrato patente" contra os touros de lida.
"Esto ten un fin que está bastante preto", augurou Pérez, xa que asegura que socialmente cada vez máis xente está "concienciada" contra o maltrato animal. "Nesta loita estamos convencidos de que vamos a conseguir o que buscamos", engadiu.
Ademais, Touradas Fóra de Pontevedra tamén solicita que o Concello non renove o convenio cos propietarios do coso de San Roque, polo que se lle abonan uns 38.000 euros ao ano, para usar a praza en determinadas actividades municipais.