Sete persoas implicadas nun accidente en Poio, investigadas por fraude á compañía de seguros
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio investiga sete persoas que o pasado mes de xuño alertaron de que se viran implicadas nun accidente de tráfico sobre o que os axentes teñen sospeitas de que supón unha fraude á compañía aseguradora.
Segundo informou a Policía Local, os axentes investigaron o accidente e comprobaron que o coche implicado non realizou a manobra evasiva que relataron as sete persoas que circulaban dentro nin había sinales de freada. Ademais, sosteñen que os danos do vehículo son leves e non encaixan cos síntomas que presentan os ocupantes, dos que seis requeriron asistencia médica.
Os feitos foron trasladados ao Xulgado de Garda de Pontevedra e a Policía Local quere lembrar aos cidadáns que os axentes están especializados e contan con medios que lles permiten descubrir se existe unha fraude ás compañías aseguradoras.
A Policia Local de Poio tivo constancia do accidente a través dunha chamada telefónica dunha persoa que relatou que se acababa de producir unha saída de vía no Camiño de Poio de Arriba e seis ocupantes dun vehículo de sete prazas estaban no interior porque non podían saír polos seus propios medios.
O alertante solicitaba á Policía Local que acudira de urxencia porque os ocupantes estaban feridos. Unha vez no lugar, os axentes viron que o vehículo saíra da vía e colisionara frontalmente cunha árbore e que había cinco persoas dentro que se queixaban de que tiñan dor na zona cervical e o condutor e a sétima persoa estaban fóra.
Un dos ocupantes mesmo pediu aos policías que lle axudaran a coller o DNI porque tiña tanta dor que non podía e finalmente todos agás o condutor foron trasladados en ambulancia a un centro hospitalario.
Todos levaban posto o cinto e o condutor relatou que se despistara e saíra da vía cando circulaba a 20 quilómetros por hora, pero os investigadores desconfían desta versión.