Detido por dous roubos en restaurantes de Vilanova e Caldas na mesma noite
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer dous roubos con forza rexistrados hai máis de tres meses en restaurantes de Vilanova de Arousa e Caldas de Reis e deter o seu suposto autor, un veciño de Padrón de 33 anos.
Segundo informou a Garda Civil, o primeiro roubo produciuse nun restaurante asador de Baión, en Vilanova. O autor conseguiu abrir a porta do local usando unha pata de cabra, pero tivo que escapar sen lograr levar nada porque se activou o sistema de alarma.
Ese mesmo día cometeu supostamente o segundo roubo que se lle atribúe, nun restaurante da parroquia de Godos, en Caldas de Reis. Neste caso, forzou unha das xanelas e conseguiu acceder ao establecemento, onde si consumou o roubo.
No restaurante de Caldas subtraeu varios efectos, entre eles, un computador portátil, unha tablet, a caixa rexistradora e varios décimos da lotaría. Ao marchar, deixou atrás algunha das ferramentas que utilizara para forzar a porta do anterior restaurante, que localizou a Garda Civil.
Axentes do equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía e do posto de Caldas de Reis investigaron ambos os roubos e, tres meses despois, identificaron e detiveron o presunto ladrón. O mozo quedou en liberdade, pero coa obrigación de comparecer no xulgado de garda de Caldas cando o citen.