Unha muller falece en Caldas ao envorcar o seu furgón nunha rotonda
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha muller de 52 anos faleceu este martes nun accidente de circulación na rotonda de San Simón, na parroquia caldense de Godos.
O sinistro produciuse sobre as 16.45 horas. A falecida conducía un furgón Fiat Ducato que, por motivos que se descoñecen, saíu da vía e envorcou na rotonda. Ela morreu no sinistro e o seu acompañante resultou ferido grave e tivo que ser traslado ao Hospital do Salnés.
Segundo informou a Garda Civil, o sinistro produciuse no punto quilométrico 233 da estrada N-640, entre Vilagarcía e Baión, á altura do termo municipal de Caldas de Reis. Tras sair da vía, o vehículo impactou coa mediana e envorcou.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 mobilizou a efectivos da Garda Civil de Tráfico, Urxencias Médicas de Galicia, os Bombeiros do Salnés, Protección Civil de Caldas, Emerxencias de Vilagarcía e o GES de Valga.
Segundo indicou Protección Civil de Caldas, o sinistro causou restricións temporais á circulación na estrada PO-531 mentres duraron as tarefas no lugar.