A filosofía dos Camiños Escolares chega ao entorno de tres novos colexios do rural
Por Natalia Puga
A filosofía dos Camiños Escolares que desde hai anos funcionan na contorna dos colexios da cidade de Pontevedra segue estendéndose polas parroquias do rural. Tras implantar un sistema similar en anteriores cursos académicos en Marcón e Ponte Sampaio, o Concello puxo en marcha tres novas actuacións en Salcedo, Lérez e Lourizán nas que investirá máis de 310.000 euros e cuxas obras empezaron este luns.
O concelleiro do rural, Demetrio Gómez, explicou que as tres actuacións comparten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos escolares e garantir a súa autonomía á hora de desprazarse ata o seu centro educativo. As actuacións incorporan a filosofía dos Camiños Escolares, pero adaptándoa ás particulares do rural e dunha poboación dispersa. Neste caso, por exemplo, non haberá persoal acompañando ata os nenos nos itinerarios ata o centro, senón que se trata de melloras na rede viaria e a sinalización.
No colexio de San Bieito de Lérez habilitarase un carril segregado para que os nenos accedan ao colexio e faranse restricións no aparcadoiro, que ata agora estaba deseñado de tal forma que os coches manobraban ao mesmo tempo que pasaban os nenos, de modo que se xeraban situacións de perigo.
O colexio de San Martiño de Salcedo ten a particularidade de que o curso pasado tan só un neno acudía ao centro a pé, sen ir en transporte público ou no vehículo dos seus pais. Neste centro a principal medida será apartar o aparcadoiro do colexio e crear unha vía de tráfico só peonil para garantir a seguridade dos nenos duns 154 metros.
A actuación no colexio Carballeira de Lourizán será a que inclúa unha vía máis longa para o acceso dos escolares ao centro, de entre 700 metros e un quilómetro. A obra empezará en en a propia estrada autonómica, á altura do establecemento Bikoka de Estribela. Crearase un carril segregado ata o carreiro peonil e habilitarase unha zona de convivencia de tráficos con prioridade peonil sinalizada, pero non con plataforma único, de modo que, para acougar o tráfico, instalaranse "bastantes lombos" cunha separación duns 100 metros entre cada un de tal forma que "vai moi ben calmado".
LOMBOS NO RURAL
As actuacións de acougado do tráfico no rural que está a desenvolver o Concello no medio dunha polémica veciñal chegarán a partir deste martes á parroquia de Santa María de Xeve. Será unha obra de acougado integral que incluirá 14 'lombos' e que, segundo asegura Demetrio Gómez, está discutida e falada cos entidades representativas da parroquia.
A actuación terá un orzamento de 50.000 euros, executaraa a empresa Covsa e incidirá na zona da contorna do centro social. Actuarase nas vías nas que se detectaron necesidades, entre as que non están algunhas que son estreitas, que son sinuosas ou ambas as cousas á vez, pois se entende que, en principio, non é necesario acougar o tráfico.