Condenan tres persoas por inmigración ilegal, trata de persoas e favorecer a prostitución
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Tres persoas serán condenadas coa súa conformidade a penas de prisión de entre 10 meses e un ano e 10 meses por ter distintos graos de participación nunha organización dedicada a favorecer a prostitución de tres mulleres nun club de alterne da localidade de Meis.
Os tres sentaron este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial xunto a unha cuarta persoa que inicialmente tamén estaba procesada, pero para a que se retirou a acusación no propio acto do xuízo. Ademais, responsabilízase destes feitos a unha quinta persoa que xa non sentou no banco, senón que se abriu outra causa xudicial contra ela.
En canto aos tres condenados, chegaron a un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que viron reducidas as súas penas, que inicialmente ían dos catro aos 14 anos. Ademais, os tres poderán eludir a prisión a cambio de pagar as responsabilidades civís e multas impostas na sentenza e a condición de non delinquir durante períodos de dous e tres anos.
Carlos Varela Sánchez e María Susana Sotelo Estévez foron condenados a tres meses de prisión cada un por un delito de favorecimiento de inmigración ilegal e un ano, sete meses e 15 días de prisión por un delito de trata de persoas con fins de explotación sexual en concurso ideal cun delito de prostitución coactiva. Carlos Varela poderá eludir a prisión a cambio dunha multa de catro euros diarios.
Arturo Manuel García Lamas conformouse con 10 meses de prisión por trata de persoas con fins de explotación sexual en concurso ideal cun delito de prostitución coactiva. No seu caso, suspéndeselle a pena condicionada a que non cometa delito algún no período de dous anos e pague a idemnización que lle corresponde.
En canto ás responsabilidades civís, Carlos e María Susana deberán indemnizar entre os dous a dúas das das tres testemuñas protexidas que existen nesta causa con 600 euros a cada unha. Ademais, os tres acusados xuntos e, de forma solidaria, a sociedade que tiñan montada deberán indemnizar á terceira moza que ten a situación de testemuña protexida na cantidade de 2.750 euros. Pagar ás tres mozas é requisito indispensable para eludir a entrada en prisión.
Aos tres acúsaselles de favorecer a entrada en España de dúas mulleres procedentes de Brasil para exercer a prostitución -as dúas primeiras testemuñas- e de obrigar a unha terceira a exercer esta actividade a pesar de coñecer que o facía contra a súa vontade -a terceira moza que é testemuña protexida-.
O tribunal da Sección Segunda da Audiencia ditará sentenza condenatoria nas condicións que acordaron os tres e a mesma xa será firme.