20 días de traballos sociais e 8 meses sen carné para un condutor bébedo que bateu cunha xardineira
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 42 anos foi condenado a 20 días de traballos en beneficio da comunidade e a oito meses sen carné de conducir tras ter un accidente na avenida de Vigo no que levou por diante unha xardineira. Cando chocou atopábase baixo os efectos do alcol.
O accidente produciuse sobre as 2.30 horas da madrugada do pasado 12 de maio e xa existe sentenza condenatoria dun xulgado de Pontevedra. O fallo xudicial, dado a coñecer este luns polo portavoz do goberno local, Raimundo González, imponlle en concepto de responsabilidade civil que indemnice ao Concello de Pontevedra con 150 euros.
Fontes policiais confirmaron que unha patrulla da Policía Local de Pontevedra chegou ao lugar e atopouse co coche cruzado na vía. Trátase dun turismo Opel Corsa que presentaba danos materiais e que estaba pegado a unha xardineira cunha palmeira, na que causou tamén danos.
O condutor presentaba síntomas evidentes de atoparse baixo os efectos do alcol, de modo que a patrulla da Policía Local someteuno á proba de alcoholemia e comprobaron que daba un resultado positivo de 0,46 miligramos de alcol por litro de aire expirado. O home foi denunciado pola vía penal e o caso chegou ao xulgado de garda de Pontevedra, que ditou unha sentenza condenatoria.