Rouban en 21 coches nunha noite en garaxes de Sanxenxo
Por Redacción
Os veciños de Sanxenxo e Portonovo sufriron esta semana unha onda de roubos nos seus garaxes. Hai constancia de polo menos 21 vehículos afectados cuxos propietarios presentaron denuncia no cuartel da Garda Civil de Sanxenxo.
Fontes consultadas indicaron que hai un total de oito garaxes afectados entre os núcleos de Sanxenxo e Portonovo. Os propietarios dun total de 21 vehículos aparcados neses garaxes denunciaron que foran vítimas de roubos na noite do martes 6 ao mércores 7 de xuño.
De todos os coches levaron diñeiro, pero non outros obxectos de valor que había no interior dos mesmos, de modo que o obxectivo do ladrón ou ladróns era unicamente o diñeiro.
A Garda Civil abriu unha investigación para aclarar o ocorrido e xa recolleu probas no lugar. De momento, xa se constatou que o ladrón ou ladróns non causaron danos nas portas de acceso aos garaxes para entrar, de modo que se sospeita que aproveitaron os momentos de entrada e saída dos usuarios.