Imputan a dous veciños de Vilagarcía preto dunha vintena de roubos na provincia
Por Redacción
A Garda Civil detivo un mozo de 33 anos, veciño de Vilagarcía, como presunto autor de preto dunha vintena de roubos cometidos nos últimos meses en diferentes localidades da provincia. Xunto a el, tamén caeu outro mozo de 27 anos. A el acúsaselle de participar, polo menos, en dous destes roubos en Catoira e Cuntis.
Ao primeiro atribúeselle a autoría dun total de 16 delitos de roubo con forza nas cousas en vivendas situadas en Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, A Estrada, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Vilaboa.
Ademais, tamén se lle considera autor doutro delito de furto no interior dunha vivenda de Cuntis, un roubo no interior da igrexa de Santa Eulalia de Portela (Cuntis) e, por último, un delito de danos no interior da igrexa da parroquia de Callobre (A Estrada).
O modus operandi utilizado en todos os domicilios era practicamente idéntico. En todos os casos violentaban as portas de acceso ou xanelas das casas e nos seus anexos para acceder ao interior e subtraer electrodomésticos, maquinaria agrícola, ferramentas de construción ou diñeiro en efectivo.
Os ladróns chegaron mesmo a subtraer do interior dunha vivenda de Cuntis unha caixa forte ancorada nunha estrutura hormigonada que contiña unha importante cantidade de xoias, moedas de coleccionista e diñeiro en efectivo por valor de 2.000 euros.
Por mor das detencións puidéronse recuperar nos domicilios dos arrestados diversos obxectos que roubaran nalgunhas das vivendas asaltadas, entre eles tres televisores de plasma, unha lavadora, unha placa de vitrocerámica, un robot de cociña e unha cadeira de brazos xiratoria de deseño.
Os axentes puideron acreditar documentalmente que estas persoas xa venderan varios dos obxectos subtraídos en distintos establecementos de compra venda de obxectos de segunda man.
Os detidos, que foron postos en liberdade unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, deberán comparecer proximamente ante a autoridade xudicial.