Causan estragos nas sedes sindicais para roubar arredor de 700 euros
Por Anxo Lourido
Os ladróns visitaron as oficinas sindicais durante a madrugada deste martes 6 para facerse cun botín de algo máis de 700 euros, segundo confirmaron fontes policiais. A primeiras horas desta mañá, os traballadores da CIG comprobaban que lles entraban por unha xanela na sede da secretaría comarcal na rúa Pasantería. Alí levaron diñeiro en efectivo que estaba destinado a pagar a cartelería do congreso comarcal que terán durante este fin de semana.
A continuación, os delincuentes tentaron forzar a porta do edificio adxacente onde UXT e Comisións Obreiras teñen as súas sedes, e onde tamén se atopan varias federacións da CIG. Non lograron acceder pola entrada principal e forzaron a porta exterior de acceso ao salón de actos.
Despois realizaron un percorrido polas oficinas dos tres principais sindicatos causando numerosas desfeitas nas portas ata o punto de forzar a entrada da Federación do Metal e Construción onde levaron 20 euros, a de federacións de Saúde, Educación e Construción a CIG e no local de xubilados de CC.OO. onde tamén levaron unha cantidade económica superior a 100 euros.
Os ladróns romperon portas que se atopaban pechadas e revolveron caixóns e armarios en busca de diñeiro en efectivo. Con todo, non levaron computadores portátiles nin tablets. Tampouco levaron moedas de cinco céntimos que se atopaban nunha caixa metálica. En cambio, si se apropiaron dun cheque sen asinar.
Pola súa banda, Ramón Vidal, máximo responsable de UXT, apuntaba que "o que viu tiña poucas luces porque o que non temos os sindicatos é cartos". "O maior dano é o das portas físicas. Temos que chamar a un carpinteiro e resolver o da carpintería de aluminio", afirma Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, que reclama do Ministerio de Traballo, propietario do inmoble, un mantemento do edificio cun mellor acondicionamento para evitar este tipo de situacións.
A policía científica atopou impresións dixitais no acceso á xanela da CIG e iniciou unha investigación para dar cos autores. Os representantes sindicais sinalan que na última década non sufriran un roubo destas características.