O PP critica a "incapacidade política" da Deputación para executar investimentos
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular criticou a "incapacidade política" do goberno provincial (PSdeG e BNG) da Deputación de Pontevedra para executar investimentos.
As deputadas Belén Cachafeiro, Nidia Arévalo e Luisa Piñeiro, alcaldesas de Forcarei, Mos e Moraña respectivamente, explicaron este xoves en rolda de prensa que en 2016 o total de investimentos propios da institución provincial e das transferencias que fan aos concellos foron 40,2 millóns de euros, "exactamente 30 millóns de euros menos que en 2015, a pesar de que o orzamento da Deputación foi lixeiramente superior".
Belén Cachafeiro advertiu que estas cifras "non son datos do PP, son datos obxectivos que publica a propia Deputación a través da súa conta xeral" e chamou a atención sobre o "recorte investidor" que, ao seu xuízo, explica o estado de "abandono e deterioración" das estradas provinciais ou a "paralización de proxectos" así como a "falta de apoio aos concellos".
As populares responsabilizaron desta situación á presidenta da Deputación, Carmela Silva "que é incapaz de xestionar e de atender as necesidades da provincia".
Desde o PP tamén chamaron a atención sobre as estatísticas na contratación directa da Deputación. Segundo os datos ofrecidos polo PP, na conta xeral, en 2016 só se contrataron obras, subministracións e servizos por valor de 14,9 millóns de euros, un 65% menos que en 2015.
"E estes poucos investimentos executáronse, nun 91,5% a través de contratos menores, sen publicidade, o que mostra a pouca transparencia desta nova Deputación", destacou Cachafeiro. Así, denunciou que dos 665 contratos que se fixeron o ano pasado, 609 foron procedementos menores, 50 abertos e 6 negociados.
Nesta liña, Nidia Arévalo dixo que "estes datos son contundentes e demoledores para este bipartito", e lembrou que entre os obxectivos que o goberno provincial marcouse para este mandato foron a transparencia e a man tendida aos concellos, "e agora vemos que é un goberno prepotente, sen proxecto e cero transparente".
A portavoz popular pediu que "que se poñan a traballar en serio por esta provincia, que deixen a prepotencia e que analicen ben estes números. Sei que lles molestan, pero son os datos que saen da súa falta de xestión", remachou.
Relacionadas:
-
Volve a rifa ao Pleno da Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP provincial, a Carmela Silva: "É a primeira vez que unha Deputación colabora para destruír un goberno"
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que desenvolva a segunda fase do polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |