Os populares ven "moi mellorable" a organización da Festa da Troita
Por Redacción
O Partido Popular asegurou que a organización da Festa da Troita foi "moi mellorable" e lamentou que coa situación da carpa de polbo e churrasco no medio da Alameda, en lugar de enxalzar a degustación de troitas, "se fixo unha competencia desleal á hostalería local".
"Se a escusa para isto é que exista unha alternativa ás troitas, na vila existen varios locais de hostalería que supoñen unha magnifica alternativa", afirmou Ricardo Castro.
Os populares sinalan que a festa perdeu o seu carácter sostible, xa que a degustación se fixo con vasos e pratos de plástico e que existiron "importantes erros" de seguridade como non pechar o trafico a Rúa do Emigrante, a Rúa de Marín ou a Praza de España, nas que se situaron as atraccións.
O PP agarda que estas decisións "non poñan en risco o estatus de Festa de Interese Turístico Autonómico, que ten este evento de Ponte Caldelas dende hai varios anos".